RIBEIRA> Preto dun cento de persoas participaron este pasado domingo nunha nova edición da andaina dos xoguetes organizada pola Cruz Vermella en colaboración con outros colectivos, como é o caso do Club de Montaña Sachacamiños.
Aínda que o número de inscritos superaba amplamente esa cifra, o mal tempo existente desanimou a moitos deles.
A pesar diso, a a andaina resultou todo un éxito.
A maioría dos participantes optaron pola distancia longa de doce quilómetros, aínda que había outro percorrido máis curto de seis.
A andaina tivo como punto de saída e de chegada o propio local da Cruz Vermella, no Malecón.
Dende alí discorreu neutralizada por varias rúas de Ribeira, para a partir do inicio da senda do rio Pedrín, ser libre, percorrendo lugares emblemáticos do Concello como é o caso da Pedra da Ra, o Castro da Cidade e o parque de San Roque.
Pero ademais de deporte, o fin da andaina non era outro que recadar a maior cantidade de fondos posibles a través das inscricións, cun custe de dez euros.
Foron finalmente uns 1.500 euros, que a entidade destinará a compra de xoguetes para aquelas familias do municipio en situación de vulnerabilidade.
Na liña de chegada, logo de rematar a andaina, os participantes puideron desfrutar tamén, para repoñer forzas, de paella, froita, rosca e bebidas doados por diferentes casas comerciais da localidade.
Ademais dos voluntarios da Cruz Vermella e dos Sachacamiños, a organización contou tamén coa colaboración de Protección Civil e Policía Local, que se encargaron de garantir a seguridade na proba.











