BOIRO> A travesía Navega O Camiño recalou este mediodía en Boiro. 110 peregrinos, a bordo de 25 embarcacións, procedentes do porto francés da Rochelle participan nesta regata que acada este ano a súa oitava edición. Tras percorrer 700 millas náuticas a vela, realizarán o último treito por terra para chegar a Compostela o próximo xoves.
Máis dun cento de navegantes desembarcaron este mediodía nos portos deportivos de Escarabote e Cabo de Cruz no marco da travesía Navega O Camiño. partiron o día 6 de xuño do porto francés da Rochelle percorrendo máis de 700 millas náuticas para realizar o camiño de Santiago a vela.
Esta oitava edición, ademais de bater récord de participación é tamén a máis internacional, posto que ós navegantes procedentes de diversos puntos de España e de Francia sumouse unha familia arxentina que contan tamén coa tripulante máis nova, unha nena de cinco anos.
Tras ser recibidos nos portos boirenses, os navegantes trasladáronse ata o Pazo de Goiáns onde tivo lugar a recepción oficial e o xantar de benvida. Dende a mancomunidade Barbanza Arousa destacaron a importancia de acoller este tipo de iniciativas para dar a coñecer os atractivos da comarca e potenciar o camiño de Santiago a través do turismo náutico.
Tras esta parada en Barbanza Arousa queda unha última etapa por mar ata Vilagarcía. Dende alí, partirán ata Padrón para realizar o último treito ata Compostela a onde chegarán o día 29.