RIBEIRA> Un voraz incendio rexistrado esta pasada madrugada destrúe por completo as instalacións do restaurante do cámping Valverde, situado na parroquia ribeirense de Olveira. Non houbo que lamentar danos persoais, xa que o restaurante se atopaba pechado nese momento, aínda que os danos materiais si foron cuantiosos.
Ademais do persoal do parque de bombeiros de Ribeira, no operativo de extinción tamén participaron efectivos do parque comarcal de Boiro, así como tamén Policía Local e Nacional, e Garda Civil. A estrutura do restaurante, realizada en madeira, fixo practicamente imposible poder salvar o negocio, polo que os esforzos do persoal de emerxencias centrouse en evitar que o lume se estendera a outras zonas do cámping ou ó propio monte.
Unha vez extinguido o lume, os bombeiros continuaron durante toda a xornada a realizar tarefas de arrefriamento nos restos do local para evitar que as lapas puideran reavivarse.
Polo de agora descoñécese a posible orixe do incendio. A Policía Nacional xa abriu unha investigación co fin de poder clarificar as posibles causas do mesmo.











