RIBEIRA> Ribeira volveu homenaxear ó patrón dos condutores. Decenas de vehículos participaron na procesión na honra de San Cristovo na que, este ano, os taxistas foron o colectivo homenaxeado.
Dende primeira hora da mañá deste domingo, os vehículos comezaron a concentrarse na explanada do Malecón ribeirense para honra ó patrón dos condutores, San Cristovo.
Aqueles que non estaban aínda engalanados para a ocasión, recibiron flores por parte dos membros da asociación cultural Alfaia que recuperou esta tradición hai 13 anos tras décadas sen celebrarse en Ribeira.
Trala celebración da misa solemne na igrexia parroquial, os feligreses saíron en procesión portando a imaxe de San Cristovo que subiron na furgoneta do concelleiro Víctor Reiriz que, un ano máis, foi o encargado de levar a imaxe do santo na procesión motorizada que percorreu a avenida do Malecón, o paseo das Carolinas e a avenida da Coruña.
Encabezada por unha boa representación de motos dos Reventapistóns, a comitiva estivo integrada por numerosos turismos, camións e taxis. Estes últimos foron os homenaxeados desta edición seguindo coa costume de recoñecer cada ano a un colectivo vinculado ó motor.