RIANXO> Dende o pasado luns un grupo de historiadores, antropólogos forenses, arqueólogos e xenetistas están a participar na exhumación dunha fosa no adro da igrexa parroquial de Santa María de Asados, en Rianxo, na que se cre que puideran estar os corpos de dous represaliados da violencia golpista de 1936.
Trátase de Manuel Piñeiro Abeijón, veciño de Boiro, asasinado en agosto de 1936, e Francisco López Pérez, veciño de Taragoña, fusilado en setembro dese mesmo ano.
Esta mañá a titular da área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Sol Agra, e o alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, así como representantes da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza, visitaban os traballos de exhumación que se están a realizar. Alí destacaron a importancia deste tipo de actos de reparación e xustiza
A iniciativa, coordinada polo grupo Histagra-Cispac-USC, está enmarcada II Plan de Memoria Democrática de Galicia 2025-28.











