PONTEVEDRA> En Pontevedra, Partido Popular e Partido Socialista votan xuntos para conseguir a reapertura parcial da avenida Raíña Vitoria. Foi o PSOE quen levou a pleno esta moción que saíu adiante cun total de dezaséis votos. As dúas formacións volveron votar xuntas nunha moción presentada polo PP para eliminar os lombos nas vías sanitarias.
O pleno do concello de Pontevedra aprobou esta mañá a reapertura parcial ao tráfico da avenida Raíña Vitoria. Fíxoo cos votos en contra do BNG pero os 9 concelleiros do goberno non foron suficientes para frear unha moción que, presentada polo PSOE, contou co apoio do PP.
PP e PSOE sumaron así 16 votos a favor desta reapertura. Unha unión que se repetiu nunha moción dos populares que foi apoiada polos socialistas: eliminar os lombos nas vías sanitarias.
Este bo entendemento non gustou ao BNG, que incluso falou dunha posible moción de censura.
Si votaron xuntos BNG e PSOE para sacar adiante a anunciada modificación de crédito de 7,6 millóns de euros para cubrir os gastos de organización do tríatlon e doutras actividades urxentes na cidade. Ademais, populares e nacionalistas votaron de xeito conxunto para rexeitar unha moción do PSOE na que instaban a contratar con urxencia a redacción dos proxectos de execución da Estratexia Flúe.