O mexillón volveu a ser o rei en Rianxo

RIANXO> Rianxo celebrou esta fin de semana a décimo segunda edición da Festa do Mexillón.

A cita gastronómica, organiza pola Asociación Gastronómica e Cultural da Festa do Mexillón de Rianxo e o Club de Remo da localidade, en colaboración co Concello, resultou todo un éxito.

Abonda con dicir que o primeiro día da celebración, a noite do sábado, xa se esgotaron as existencias e a organización tivo que volver a facer provisión de material para poder seguir celebrando a festa.

Repartíronse unhas catro mil racións de mexillón preparadas de distintas maneiras: ó vapor, en empanada, escabeche, en croquetas, á vinagreta e ó estilo rianxeira. E todas triunfaron.

Pero o verdadeiramente importante é que ademais de ser unha cita gastronómica de interese turístico, a festa ten tamén outro importante obxectivo, e ese non é outro que recadar fondos para o Club de Remo da localidade.

E vaia se o conseguiron. E todo grazas ó esforzo e traballo de moitos voluntarios do Club, que traballaron arreo para que na festa non faltara nin o máis mínimo detalle.