VILAGARCÍA> As alarmas saltaron este mediodía en Vilagarcía de Arousa. Un novo incendio se declarou nas instalacións do Balneario da Compostela. O lume tiña dous focos rexistrados na primeira planta do edificio. Foi rapidamente extinguido sen que houbera que lamentar danos persoais. A Policía Científica xa investiga a orixe do incendio.
Pouco antes das 12 e cuarto do mediodía unha chamada ao 112 daba a voz de alarma. Declarárase un novo incendio no Balneario da praia da Compostela, en Vilagarcía.
Ata o lugar desprazouse o Servizo de Emerxencias. Tras romper o peche da entrada principal e acceder ás instalacións, detectaron dous focos na primeira planta. Segundo informan dende o concello, o lume extinguiuse en poucos minutos e non causou ningún dano na estrutura do inmoble. Tampouco houbo que lamentar danos persoais, tendo en conta que son varias as persoas sen teito que empregan como refuxio o antigo Balneario. Os únicos estragos producíronse en obxectos como colchóns e roupa.
A Policía Científica xa está a investigar a orixe do lume. Malia non terse producido danos materiais de importancia a aparición de dous focos ao mesmo tempo en dous puntos diferentes do edificio propiciou a apertura de dilixencias.
O operativo que se despregou na zona obrigou a cortar a avenida Rosalía de Castro ao tráfico de xeito momentáneo.
Ademais, dende Servizos Sociais púxose en marcha o protocolo de actuación coas entidades sociais do municipio para coñecer se na actualidade hai persoas durmindo no Balneario e, se así fora, poder ofrecerlles acollemento.