Os bombeiros dos parques comarcais buscan retomar as negociacións para conseguir un convenio xusto

RIBEIRA> Os bombeiros dos parques comarcais de toda Galicia seguen en folga para reclamar un convenio digno e actualizado. Ademais das condicións laborais, demandan máis persoal e medios técnicos posto que na actualidade son insuficientes para garantir un servizo axeitado.

Os representantes sindicais dos bombeiros comarcais están á espera de retomar ás negociacións para a negociación do convenio colectivo coas administracións autonómica e provincial, das que depende o Consorcio Provincial Contraincendios e de Salvamento. Solicitaron unha reunión para o vindeiro 5 de setembro.

A súa reivindicación é moi sinxela. Tan só piden un convenio que regule a profesión, adaptado ás necesidades do servizo e cunhas condicións laborais dignas e actualizadas. Tamén demandan a incorporación de máis persoal e renovación do equipamento.

Mentres tanto, continuarán coa folga iniciada o pasado 15 de xuño que máis que nada ten carácter simbólico posto que os servizos mínimos garanten a total cobertura. Os peches dos parques producidos nas últimas semanas debéronse a que os bombeiros deixaron de realizar horas extra voluntarias o que dá idea da insufiencia do persoal con que contan na actualidade.

De non ver avances nas negociacións que previsiblemente se retomarán no mes de setembro, non descartan novas mobilizacións como a desenvolvida en Compostela o mes pasado.