MEIS> A Coral Xuntanza de Meis celebra trinta anos de traxectoria en plena forma. A agrupación está composta nestes momentos por mais de 40 persoas do municipio e de toda a contorna. Unha gran familia unida pola mesma paixón: o seu amor á música. Nestes trinta anos de vida, son incontables xa as actuacións que levan ofrecido polo mundo, presumindo de levar o nome de Meis por toda península e mesmo de ter feito as Américas. Tres décadas despois, o concello de Meis recoñecerá a súa traxectoria este sábado, cun dos premios dos Meisinos do Ano.
Citámonos con parte da Coral Xuntanza de Meis no local onde ensaian. Dos 42 membros da formación, case 20 acuden á nosa chamada para contarnos como se viven 30 anos de traxectoria musical.
Sen tempo que perder, aproveitan a nosa visita para facer un pequeno ensaio. No ambiente, boa sintonía e moita complicidade. Porque ante todo, son unha gran familia.
Boa parte dos membros son de Meis, pero aquí as portas están abertas para todo o mundo. De Xuntanza forman parte veciños de Ribadumia, Meaño, Pontevedra ou Marín, por exemplo. Algúns deles levan dende que naceu a coral. Outros fóronse sumando aos poucos. A última fichaxe, hai só un mes.
Asegúrannos que formar parte da coral engancha, grazas á paixón que senten pola música.
A Coral Xuntanza presume ademais de levar o nome de Meis por todo o mundo, coa lembranza aínda da gran viaxe que fixeran no 94 para cantar na Arxentina. Por España e Portugal, xa perderon a conta das actuacións que fixeron. A última fóra de Galicia foi o ano pasado en Lanzarote. A seguinte, dentro duns meses, tamén ás Canarias.
Pero antes desa viaxe ás Canarias teñen este sábado unha cita moi importante. Coincidindo co seu 30 aniversario, o concello homenaxeará á coral cun dos galardóns da sétima edición dos Meisinos do Ano.
E aproveitan este momento para facer un chamamento a novas voces que se incorporen á coral. Convidan a todo o mundo a achegarse e probar porque, aseguran, unha vez que probas xa non queres marchar.











