BOIRO> A Garda Civil de Boiro detiña nos últimos días a un total de catro persoas vinculadas con diferentes roubos cometidos dende xullo a setembro en vivendas, igrexas e locais de hostalería nas comarcas da Barbanza, Sar e Noia.
Foi no marco da denominada operación Aurum Domus.
Ó parecer apropiábanse principalmente de xoias e diñeiro en efectivo, así como tamén de maquinaria e ferramentas eléctricas.
Fontes do Instituto Armado acúsanos tamén de ser os autores de varios roubos en igrexas da zona, de onde subtraían efectos antigos de ouro e prata, sendo o máis destacado o roubo da coroa da Virxe das neves de Macenda, en Boiro, peza única que data do século XII.
Os catro detidos son veciños de Boiro, Lousame, Noia e Vilagarcía. Todos eles están acusados de alomenos un total de 14 roubos.
Xa pasaron a disposición do Xulgado de Instrución de Garda de Ribeira, que decretou o ingreso en prisión para un deles, ademais da clausura dun local de compra-venda de ouro en Boiro, onde ó parecer se recepcionaban os obxectos roubados.
A Garda Civil mantén aberta a investigación, polo que non se descartan novas detencións.
Boa parte dos obxectos roubados foron recuperados polos axentes e devoltos ós seus propietarios.
O resto das pezas recuperadas atópanse baixo custodia nas dependencias da Garda Civil de Boiro, polo que, se algún veciño recoñece algunha da súa propiedade pode acudir alí e reclamala, despois de acreditar a súa titularidade.