O BNG demanda elevadores e a renovación do peche exterior nas obras do CEIP Castelao de Rianxo

RIANXO> O BNG insta á Consellería de Educación a ter en conta o plan de accesibilidade nas obras do Colexio Castelao. Ademais da instalación de elevadores, demandan outras actuacións como a renovación do peche exterior do centro.

Malia estar satisfeitos ante a tan necesaria rehabilitación do CEIP Castelao, dende o BNG de Rianxo botan en falta algunhas cuestións no proxecto construtivo. A principal refírese á accesibilidade posto que non está prevista a construción de elevadores en ningún dos dous edificios do centro educativo.

Tras aprobar unha moción plenaria en xullo a iniciativa do BNG, os nacionalistas presentaron agora unha proposición non de lei na que ademais dos elevadores solicitan que se aproveiten as obras para a renovación do peche exterior e o acondicionamento da antiga vivenda do conserxe que permitiría ampliar a biblioteca.

Insisten os nacionalistas en que estas actuacións tan importantes deberían estar incluídas nun proxecto de reforma tan ambicioso que supera o millón de euros de inversión.