RIANXO> Van alá 100 días dende a aterraxe de Rianxo en Común na alcaldía de Rianxo. Tempo máis que suficiente para facer balance do que vai de lexislatura.
A pesar de ter que afrontar grandes dificultades, cabe recordar que gobernan en minoría, con tan só cinco edís dunha corporación de dezasete, foron quen de sacar adiante actuacións importantes, moitas delas xa iniciadas polo anterior executivo, e que supuxeron un investimento de preto dos 400 mil euros como é o caso do saneamento e abastecemento de auga de Quintáns ou Pousada, entre outros.
Por diante queda agora poder sacar adiante a licitación de servizos importantes como é o caso da recollida de lixo ou o alumeado público.
A longo prazo dous son tamén os seus principais proxectos. Por unha banda a mellora da fachada marítima e por outra a ampliación de chan industrial.
Aínda así a curto prazo os focos estarán fixados en sacar adiante os orzamentos, así como na baixada da débeda e poder facer fronte ó pago a provedores.
Dende Rianxo en Común sinalan que aínda que non é un tema que lles preocupe especialmente, na comparecencia tamén saíu o tema dos salarios.
Tenden de novo a man ó resto de grupos que compoñen a corporación para chegar a un goberno de cooperación, nunha de coalición.