PONTEVEDRA> A Deputación de Pontevedra devolve o proceso de rehabilitación de Santa Clara practicamente á casiña de inicio. Hoxe o vicepresidente anunciou que se descartan os proxectos que naceron baixo o paraugas do concurso de ideas. Rafa Domínguez explicou que se mudará a proposta anterior, eliminando a escavación dos xardíns e desbotando destinar parte do complexo á creación dun depósito de restos arqueolóxicos de toda a provincia.
O novo goberno da Deputación de Pontevedra dá marcha atrás no proceso para a rehabilitación de Santa Clara. O vicepresidente e novo responsable do Museo anunciou que quedan descartados os proxectos nados do concurso de ideas para rehabilitar o convento.
O proxecto anterior contemplaba habilitar en Santa Clara un depósito para os restos arqueolóxicos de toda a provincia e un laboratorio de arqueoloxía. Para a construción do primeiro, escavaríanse 2.500 metros cadrados no xardín do convento.
Este cambio na dirección que o seu equipo quere dar a Santa Clara leva a Domínguez a desbotar o concurso de anteproxectos xa realizado. Recordemos que o estudo de arquitectura Nieto y Sobejano fora o gañador, coa súa proposta ‘Verbas da pedra’.
Domínguez recoñeceu que este cambio provocará importantes retrasos nos prazos para a rehabilitación de Santa Clara; demora que, asegurou, se concretará nos vindeiros días. Tamén o modelo polo que apostan para o convento.











