Jealsa e AMICOS renovan a súa colaboración tras unha década traballando pola inclusión

BOIRO> O grupo empresarial Jealsa renovou o seu compromiso de colaboración con AMICOS. A través da sinatura deste convenio seguirá a apoiar diversos programas de integración e inserción laboral das persoas con discapacidade.

Mediante este acto simbólico de sinatura, AMICOS e Jealsa volven facer oficial unha colaboración que se remonta xa máis aló dunha década. A aposta de Jealsa pola inclusión e o apoio ás persoas con discapacidade permitiu a AMICOS non só contar cos máis avanzados equipamentos de estimulación sensorial senón que tamén abriu a porta á inserción laboral a través da fábrica social da entidade. 

O convenio axuda tamén a financiar programas de integración como o de Badaboom Patios Felices que terá a súa máxima expresión o 1 de decembro coa celebración do Festirititi.

Neste camiño conxunto, iniciado xa hai máis dunha década por AMICOS e Jealsa, quedan aínda moitos quilómetros por percorrer. O grupo empresarial, a través do seu programa de Responsabilidade Social Corporativa We Sea, seguirá a apoiar a AMICOS na busca de novas metas que melloren a calidade de vida das persoas con discapacidade.