Profesionais do sector fórmanse en Ribadumia contra pragas e enfermidades na viticultura

RIBADUMIA> A Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia acolleu un curso centrado nas pragas e enfermidades na viticultura. A acción formativa, impartida por un enxeñeiro técnico agrícola, están destinadas a profesionais do sector. As xornadas centráronse na prevención das enfermidades e na súa identificación e control. Esta mañá tivo lugar a derradeira das sesións.

A Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia vén de acoller un curso de formación sobre pragas e enfermidades na viticultura. Está organizado pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria e impartido por Juan Carlos Vázquez, enxeñeiro técnico agrícola da propia Estación.

Dentro das sesións abórdanse cuestións como a identifición ou control das pragas e enfermidades. Outra das claves, lembran os expertos, é unha boa prevención.

O curso está destinado a asesores e persoal técnico, do sector público e privado. Aproveitan para poñer sobre a mesa as súas inquedanzas.

Este módulo centrado nas pragas e enfermidades prolongouse durante dous días. É a décima xornada dun ciclo para asesores que organiza a Axencia Galega de Calidade Alimentaria, que vai te-la súa continuidade nos vindeiros meses.