Invernadoiros esnaquizados por Kirk en Ribadumia: ‘Cada ano faise máis difícil seguir con isto’

RIBADUMIA> O temporal kirk segue sumando estragos na nosa contorna. En Ribadumia, uns mozos agricultores traballan contra o reloxo para salvar as súas plantacións, logo de que o forte vento lles esnaquizase varios dos seus invernadoiros. Sen seguros nin axudas da Xunta que cubran as perdas, Consuelo e Luis afánanse en repoñer os plásticos estragados e preparar o terreo. Teñen centos de pés de leituga agardando para ser plantados nuns invernadoiros que, nestes momentos, están impracticables.

Para case todos nós Kirk é xa cousa do pasado, pero para Luis e a súa compañeira Consuelo a borrasca segue moi presente. Eles dous están á fronte dun proxecto agrícola en Ribadumia. Os fortes refachos de vento que trouxo o temporal esnaquizoulles varios dos seus invernadoiros.

O aire levantoulles dous dos invernadoiros que teñen nesta terra de Sisán.

Luis e Consuelo séntense frustrados por esta situación. Din que os danos cóntanse por milleiros e que con situacións como está quítanselle as ganas de seguir no sector.

De entrada, non poderán botar man dunha axuda da Xunta. Tampouco teñen seguro, porque explican, non lles compensa.

A boa nova é que en previsión do que podía virlles enriba decidiron sacar de aquí o milleiro de pés de leituga que tiñan previsto plantar.

Agora, traballan contra o reloxo para recuperar a normalidade. Apuntan que canto máis se lles retrasen os cultivos, máis tocado quedará o seu peto.

E apuntan ademais que cada vez as marxes de beneficio son máis axustadas para eles, porque o que levan como produtores é unha ínfima parte do que logo nós pagamos polo produto no supermercado.