BOIRO> As reiteradas denuncias dos propietarios dos chiringuitos situados nos areais de Barraña e Praia Xardín debido ós continuos roubos que estaban sufrindo nos seus establecementos, fixo que se iniciara por parte da Garda Civil unha investigación, que deu como resultado nos últimos días o arresto de tres veciños da localidade.
O Instituto Armado acúsaos de ser os presuntos autores de alomenos once delitos de roubo con forza, tentativas e furtos, así como apropiación indebida das cousas, non só nestes negocios, de onde se apropiaban de todo tipo de bebidas, comestibles e aparellos eléctricos, senón tamén doutros locais do termo municipal.
A Garda Civil atribúelles a eles os intentos de roubos a dous bares do casco urbano, outro na igrexa de Lampón e a subtracción de dúas máquinas recreativas dun local hostaleiro que deixaron practicamente inservibles.
Segundo informaron fontes policiais trátase de vellos coñecidos das forzas da orde ós que lle constan antecedentes anteriores por causas similares.
Os tres detidos xa pasaron a disposición xudicial no Xulgado de Garda de Ribeira.
Para dous deles decretouse o seu ingreso en prisión sen fianza.











