PONTEVEDRA> A Asociación Española contra o Cancro presentou hoxe en Pontevedra a súa nova campaña de concienciación sobre o cancro de mama. Baixo o lema ‘Nos lo tomamos a pecho’, a iniciativa pon o foco no que significa vivir con esta enfermidade máis aló do diagnóstico e do tratamento. E quen mellor para poñer voz a esta realidade que mulleres que a padecen. Elas cocrearon e protagonizan esta nova campaña.
As pacientes de cancro de mama collen o altofalante na nova campaña de concienciación sobre esta enfermidade da Asociación Española contra o Cancro.
Seu lema: ‘Nos lo tomamos a pecho’. O seu obxectivo: poñer o foco no que realmente significa vivir con cancro de mama máis aló do diagnóstico e o tratamento.
Pacientes e superviventes cocrearon e agora protagonizan esta campaña. Tamén os seus familiares máis próximos. ‘Nos lo tomamos a pecho’ recolle os seus sentimentos: que a súa contorna non as entende, que os médicos minimizan o impacto e que as campañas mediáticas simplifican o que supón vivir coa enfermidade.
Porque os impactos que sofren estas pacientes afectan a todos os eidos da súa vida: emocional, físico, social e laboral.
Por exemplo, segundo o Estudo do Observatorio do Cancro da asociación, na fase de supervivencia case o 65% teñen medo con frecuencia a que o cancro reapareza, o 57% din estar preocupadas polo seu aspecto físico polo cancro e os tratamentos e o 36% di ter mala calidade de vida.
En España, o 24% dos diagnósticos de cancro de mama prodúcense en mulleres menores de 50 anos. Segundo datos do Observatorio do Cancro da asociación, na provincia de Pontevedra rexistráronse 768 novos casos de cancro de mama o ano pasado. Deles, 172 foron en persoas menores de 50 anos. Cabe destacar que a supervivencia media é dun 85%.











