Sanxenxo estuda a creación dun aparcadoiro disuasorio con autobuses lanzadeira ao centro

SANXENXO>  Sanxenxo estuda a creación dun aparcadoiro disuasorio con autobuses lanzadeira. É un dos titulares que deixa o almorzo informativo que organizou esta mañá o alcalde da vila, coincidindo co primeiro ano da súa reelección. O rexedor fixo balance dos proxectos xa rematados e doutros que están en proceso, como son o do mercado de abastos ou a creación dunha plataforma única en Silgar. Con todo, Telmo Martín avanza que este será un mandato cun forte impulso aos servizos sociais.

O goberno local de Sanxenxo cre que este primerio ano do novo mandato foi superado con boa nota. Esta mañá o alcalde fixo balance destes 12 últimos meses nun almorzo informativo. Malia os desafíos económicos, Telmo Martín di estar satisfeito co traballo do seu equipo. Sobre a mesa, un balance con 29 proxectos que son xa unha realidade ou están a piques de rematar. O rexedor pon o foco nas actuacións de carácter social porque, avanza, serán un dos grandes piares deste mandato.

No referente ao Servizo de Axuda no Fogar, Martín salienta que o concello está poñendo este ano 1,3 millóns de euros, cun incremento do orzamento en máis de medio millón, dobrando a capacidade de atención e roldando xa as 150 familias. Aproveita para lamentar que os concellos teñan que facerlle fronte cun gran esforzo a competencias impropias.

No capítulo de obras, o alcalde salienta unha que está neste momento en execución: o novo mercado de Sanxenxo.

Tamén dá detalles da creación de plataforma única no paseo de Silgar. Cun investimento de máis de 600.000 euros, o proxecto está agora en fase de licitación. Cuns prazos moi axustados, os plans do concello é que estea listo durante o mes de xuño, ás portas da campaña de verán.

A chegada do verán tamén apura ao goberno local a buscar solucións ao problema da falta de aparcadoiros en Sanxenxo e Portonovo. Telmo Martín marca como data límite o 30 de maio para buscar alternativas. Sobre a mesa un novo parking disuasorio con autobuses lanzadeira.

Tamén co prazo ao límite, as obras do boulevar de Portonovo, que o alcalde confía que estean rematados no próximo mes de xuño.