RIBEIRA> A escaseza de ameixa está a lastrar a campaña marisqueira en Aguiño. Os profesionais non son quen de acadar os dez quilos de tope de babosa. Alternan esta especie co percebe que está a acadar moi bo prezo en lonxa, cunha media de 50 euros.
Aguiño non é allea á situación do resto da ría en materia de marisqueo. Escasea a navalla e, sobre todo, a ameixa polo que o patrón maior cualifica a campaña de desastrosa.
Compaxinan a actividade co percebe que está a acadar unha boa cotización posto que outras confrarías aínda non iniciaron na extracción deste recurso. O prezo medio por riba dos 50 euros non é habitual para o mes de novembro cando adoita ir máis barato.
Outra das cuestións que está a poñer contra as cordas a economía dos mariscadores aguiñenses é a prohibición de extraer reló, especie acompañante que reportaba importantes ingresos á confraría. Os elevados niveis de chumbo detectados na ría de Arousa impiden a comercialización deste molusco que supón un importante complemento ás especies principais.