O Conselleiro de Ciencia destaca a aposta pola innovación do Clúster de Acuicultura de Galicia

RIBEIRA> O Conselleiro de Educación e Ciencia visitou esta mañá as instalacións do Clúster de Acuicultura de Galicia, en Couso. Alí coñeceu algúns dos programas que están a desenvolver aplicando a intelixencia artificial para mellorar os produtos e sistemas a través da I+D+I.

O Conselleiro de Educación e Ciencia tivo ocasión de coñecer esta mañá as instalacións do Centro Tecnolóxico do Clúster de Acuicultura de Galicia, situado no lugar ribeirense de Couso. Na visita, guiada polo director do centro, Santiago Cabaleiro, Román Rodríguez puido coñecer o traballo do centro na busca de solucións innovadoras para mellora de produtos e sistemas a través da I+D+i, así como a visión da intelixencia artificial na cadea produtiva das instalacións acuícolas.

O director do Clúster avanzou algúns dos programas que están a desenvolver en colaboación coa Xunta situando a acuicultura galega á vangarda de toda Europa.

Trala visita, o titular de Ciencia anunciou un incremento dun millóns de euros para gastos de estruturación dos centros tecnolóxicos galegos, acadando un investimento total de 4,1 millóns. Trátase dunha convocatoria plurianual correspondente ós anos 2023/2024 destinada a mellorar o funcionamento dos centros. Román Rodríguez comprometeu ademais o apoio da Xunta de Galicia a actividade do CETGA, que xa leva recibido uns 2,8 millóns de euros do Goberno autonómico, dos que case dous millóns foron achegados desde a Axencia Galega de Innovación, dependente da Consellería de Ciencia.