A POBRA> Esta mañá inaugurábase na casa de cultura da Pobra a exposición itinerante do 18 Certame Isaac Díaz Pardo que promove a Deputación da Coruña. A da Pobra é a primeira parada desta mostra itinerante que percorrerá posteriormente outras localidades da provincia como é o caso de Ortigueira, Culleredo, Noia, Outes, Ribeira, Porto do Son e Cee.
A mostra inaugurada esta mañá na casa da cultura Raquel Fernández Soler da Pobra correspóndese coa 18 edición do Certame de Arte Isaac Díaz Pardo que promove a Deputación da Coruña. Componse das máis variadas disciplinas da arte, coma é o caso da videocreación, as instalacións audiovisuais, a fotografía, ou a escultura dun total de dezasete artistas.
Na inauguración da exposición tamén tomaron parte as deputadas de Cultura, Natividade González, e de Lingua, Sol Agra. As dúas destacaron a importancia desta exposición, un referente xa no apoio á creación artística en todo o país.
A mostra poderá visitarse na casa de Cultura da Pobra ata o 28 de maio e logo continuará a súa itinerancia por outras nove localidades da provincia entre as que se atopan Noia, Outes, Ribeira ou Porto do Son.