O BNG de Muros-Noia presenta emendas ós orzamentos da Xunta por valor duns 26 millóns de euros

NOIA> O BNG presentará unha batería de emendas ós orzamentos da Xunta referidas ás comarcas de Muros e Noia valoradas no seu total en máis de 26 millóns de euros.

A través delas os nacionalistas pretenden dar resposta ás carencias de investimentos que presentan estes presupostos para con estas dúas comarcas.

O BNG considera que o reparto non é xusto, e que debería realizarse en base a outros criterios, como fai a Deputación da Coruña.

O saneamento e a rexeneración da ría volven a ser de novo unha prioridade para o BNG.

Outra das eivas destas dúas comarcas son as infraestruturas e aí o BNG pon o foco co tan demandado desdobramento do corredor Brión-Noia, para eles unha arteria de comunicación fundamental para estas dúas comarcas.

En servizos básicos e infraestruturas, os nacionalistas propoñen habilitar un bus comarcal e levan novamente a reforma integral da Avenida de Fisterra, en Outes.

Tamén apostan pola planta de compostaxe de Servia coa dotación dunha volteadora.

Demandan tamén unha serie de actuacións no eido social como é o caso do novo centro de saúde para Noia e a reforma do de Porto do Son, a creación dunha escola infantil en Noia e unha residencia para Outes.

En materia cultural os nacionalistas volven a incluír unha partida para a creación do museo de laudas gremiais de Noia, un centro de interpretación para o castro de Baroña e continuar cunha segunda fase da reforma do Cine París, entre outras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí