VILAGARCIA> Cáritas Arousa duplicará para 2024 os cursos formativos que ofrecen no seu centro de Vilagarcía. Pasarán de tres a seis, co obxectivo de seguir fomentando a empregabilidade. Esta mañá, clausurouse o curso de cociña que veñen celebrando nas últimas semanas. Un obradoiro formativo que permite, ao mesmo tempo, prepara-lo xantar do seu comedor social.
Esta foi unha mañá especial para o alumnado deste curso de cociña que se imparte nas novas instalacións de Cáritas Arousa. Hoxe puxeron fin á súa formación. Este é un dos tres cursos formativos que a entidade ofreceu este ano. Unha aposta pola inserción laboral que se duplica con vistas ao ano que vén. O ano que vén van organizar un total de seis obradoiros.
A inserción laboral das persoas que partipan neste curso roldan o 70%. Un data positivo que choca con outros aos que se ten que enfrontar a diario esta entidade. Por exemplo, o número de usuarios que teñen que recorrer ao seu comedor social. Neste 2023 sitúase arredor das 1.200 comidas ao mes, 200 máis ca o ano anterior.
E ante este aumento das necesidades, Cáritas fai un chamamento a que sexamos máis solidarios. A inflación está a provocar que as doazóns se foran freando e que as persoas con menos recursos vexan limitado o seu acceso a certos produtos. Aproveitan estas datas de Nadal para facer un chamamento a persoas particulares e empresas para que aporten alimentos non perecedoiros e, entre eles, do que máis precisan é leite.
E ademais, puxeron sobre a mesa outra reflexión: as consecuencias que xera o turísmo no Salnés. O acceso á vivenda de alugueiro, por exemplo, estase complicando para as familias máis humildes por culpa dos altos prezos e dos alugueiros vacacionais.
Por estes e outros moitos motivos, apuntan dende o colectivo, é preciso que todos aportemos o noso gran de area. Unha boa ocasión, pode ser na gala solidaria de Nadal, que organizan este mesmo domingo. Alí poderemos aproveitar tamén para face-las nosas doazóns.











