O II Foro do Mar remata coa invitación de Yolanda Díaz a Anmupesca a participar na mesa de diálogo do sector

VILAGARCIA> Yolanda Díaz visitou Vilagarcía para clausurar o II Foro do Mar organizado por Upta. No peche do evento, a ministra ademais de mostrar o seu apoio ás traballadoras do mar tamén se comprometeu a iniciar unha mesa de diálogo nas vindeiras datas coa presidenta de Anmupesca para comezar a traballar o máis pronto posible na formación do sector.

Tras compartir unha xornada de traballo e diálogo coas mariscadoras de Carril, a vicepresidenta segunda do goberno, Yolanda Díaz, acudiu ao II Foro do Mar para pechar o evento. No foro, a ministra puido coñecer de primeira man as demandas do sector. Dende Anmupesca agardan a aprobación da lei de pesca que permitirá aumentar o coeficiente redutor das traballadoras pero tamén sinalaron os retos futuros: Recoñecemento das enfermidades profesionais, aumentar a formación do sector e incluír as traballadoras nas mesas de diálogo e decisión.

A ministra de traballo mostrou o seu apoio ao sector, asegurando que loitará polo recoñecemento das enfermidades profesionais e comprometéndose a tratar a o tema da formación na primeira mesa de diálogo do sector na que invita a participar a Rita Míguez.

Dende UPTA destacaron a importancia de realizar eventos como o foro do Mar para que o sector poida contactar directamente cos representantes das diferentes institucións ou administracións.

Na clausura tamén participou o concello de Vilagarcía. O alcalde destacou a importancia das mariscadoras para a vila e para o sustento de moitas familias.

Ca intervención da ministra púxose fin a dous días de diálogo, debate e conferencias para afondar nas problemáticas e nos obxectivos futuros do sector. Agora é a quenda do comezo das mesas de diálogo e da implicación dos partidos políticos para garantir as melloras que reclaman as traballadoras do mar.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí