Critican a ‘deriva autoritaria’ do alcalde de Poio ao expulsar do Pleno ao voceiro do PSdeG

POIO> Os grupos da oposición cargan contra a ‘deriva autoritaria’ do alcalde de Poio, ao expulsar do Pleno ao voceiro dos socialistas. Ángel Moldes deulle a Gregorio Agís tres avisos en tan só cinco segundos, pedíndolle despois que abandonase a sesión.

Logo de que o alcalde expulsase ao socialista, o resto de compañeiros desta formación tamén abandonaron o Pleno. Tamén fixeron o mesmo os edís do BNG, en apoio a Gregorio Agís, ao considerar a decisión do popular desproporcionada.

A expulsión tivo lugar no peche do debate dunha moción sobre a titularidade da nave de piragüismo de Combarro, na que os tres grupos ían votar a favor da titularidade concedida por Portos.

No tema anterior, o voceiro sociliasta declinou falar e pediu facelo despois de que realizase a súa intervención o alcalde. Algo que Moldes rexeitou, porque consideraba que Agís estaba tratando de acaparar a última quenda.

Os socialistas de Poio consideran que o acontecido no Pleno é insólito. O BNG amosou o seu apoio aos socialistas, indicando que a expulsión de Agís é ‘desproporcionada’, porque o socialista en ningún momento foi irrespetuoso. Apuntan que a corporación ten vivido outros debates moito máis broncos sen que se tivese chegado a unha medida como a tomada onte polo popular.