RIBEIRA>O BNG insta á Xunta de Galicia a activar o nivel medio do Plan de Continxencias contra a Contaminación Mariña. Ana Pontón facía este chamamento nunha visita realizada esta mañá ó Parque Natural de Corrubedo para avaliar o impacto ambiental dos residuos que están chegando á costa.
Acompañada por responsables do goberno municipal e do GAEM de Ribeiram, que coordina os operativos de limpeza na zona, a voceira nacional do BNG visitaba esta mañá o Parque Natural de Corrubedo para coñecer o alcance do vertido de pellets de plástico nesta zona especialmente sensible. Dende alí, Ana Pontón volvía a instar á Xunta a activar o nivel 2 do CAMGAL para conseguir unha mellor coordinación de medios que permitan facer fronte ó vertido. Nesta mesma liña, dende o concello de Ribeira reclaman máis recursos fronte a esta catástrofe que, din, non é competencia municipal posto que afecta xa a toda a costa galega.
O BNG acusa ademais ó goberno da Xunta de ocultar información sinalando o paralelismo coa xestión do desastre do Prestige. A este respecto pídenlle á Consellería de Medio Ambiente que faga públicos os informes nos que presuntamente se confirma que os pellets non son tóxicos.











