O alumnado das Bizocas retira máis dunha tonelada de especies invasoras das dunas de Area da Cruz

O GROVE> Retiran máis dunha tonelada de especies invasoras das dunas de Area da Cruz, no concello do Grove. Foi no marco dunha actividade de limpeza organizada por Afundación, na que participaron máis de 60 estudantes do instituto As Bizocas. O alumnado tamén recolleu 21 quilos de residuos que se acumulaban no areal. Un xeito de aprender ao tempo que fan un servizo á comunidade.

Sesenta alumnos do instituto As Bizocas, do Grove, trasladaron esta mañá as súas aulas ata a praia de Area da Cruz. Alí encargáronse de retirar as especies invasoras que medran nas dunas. En concreto, eliminaron máis dunha tonelada destas plantas.

A iniciativa enmárcase no proxecto Plancton, impulsado dende Afundación. Para o alumnado do instituto, é unha actividade máis da materia chamada Proxecto competencial que contempla, entre outras cuestións, a custodia e coñecemento dos ecosistemas da contorna do centro.

O traballo do alumnado das Bizocas permitiu tamén a retirada de 21 quilos de residuos que se acumulaban no areal.

Xa hai catro anos que o proxecto PLANCTON está en marcha. De feito, trala xornada de hoxe en Area da Cruz son xa máis de 12 toneladas de flora exótica invasora retiradas en diferentes espazos.

Esta acción conta coa colaboración do concello do Grove. Dende o goberno municipal facilitáronse os sacos para a recollida e as ferramentas necesarias. Ademais, será o encargado de xestionar estas plantas exóticas que foron retiradas.