Meis cumpre coa súa tradición repartindo máis de 150 galos de curral

MEIS> Máis alá da lotaría, outra das tradicións do 22 de decembro é a Feira do Galo de Curral de Meis. Dez produtoras venderon dende primeira hora uns 150 exemplares. Un produto que, segundo nos contan, ten cada vez máis demanda non só entre a veciñanza meisina.

Non son nin  as once do mañá e na praza de abastos de Meis xa case non quedan exemplares de galo de curral.

A tradición manda neste municipio e, como cada 22 de decembro, as produtoras puxeron á venda os seus mellores exemplares. Nesta edición venderon uns 150 exemplares aos que hai que sumar as encargas previas que xa venderon onte.

O galo de curral de Meis ten cada vez máis seareiros. Un produto que gusta e que conquista pola Noiteboa aos padais máis exquisitos.

As produtoras presumen dun produto de alta calidade, criado en liberdade e alimentados do mellor xeito.

E á hora de cociñalo, cóntannos que hai moitos xeitos de preparalo, porque en calquera xeito esta bo.

A xornada en Meis rematou cun showcooking da man do estudantado do obradoiro de Hostalería da Mancomunidade do Salnés, cun menú protagonizado, como non podía ser doutro xeito, polo galo de curral.