As adegas do Salnés encaran a recta final do destilado de augardentes

MEIS> Trátase dunha práctica tradicional, moi arraigada en toda Galicia. Falamos da destilación de augardentes, un proceso que apenas variou  ao longo da historia e que en moitas adegas encara estes días a súa recta final. É o caso de Pazo Señoráns, en Meis. Alí para a elaboración dos seus augardentes empregan só bagazo de uva albariña, sempre baixo a garantía e os parámetros de calidade do Consello Regulador de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.

Adentrarse nesta adega é como unha viaxe ao pasado. O destilado de augardentes é unha práctica moi arraigada en todo o territorio, manténdose fiel ao método tradicional. É o caso de Pazo Señoráns. Nesta adega meisina levan anos elaborando augardentes a base do bagazo dos seus viñedos, só con uva albariña.

Por iso en Pazo Señoráns están xa encarando a recta final do destilado. Aquí trabállase a pleno rendemento seguindo o proceso tradicional, defendendo que se algo funciona dende hai séculos non precisa cambiar.

Os augardentes que aquí se elaboran contan co selo do Consello Regulador de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.

Dende o Consello Regulador aconsellan ao consumidor que teña en conta sempre o etiquetado destes produtos, como garantía da súa trazabilidade e calidade.