Aspérez entrega a Mancomunidade do Salnés ao Partido Popular

O SALNÉS> Terremoto político na Mancomunidade do Salnés. O PP presenta unha moción de censura para apartar da presidencia á socialista Marta Giráldez. O novo presidente do organismo comarcal sería o alcalde de Ribadumia, que contaría co apoio do alcalde de Meaño e de José Manuel Aspérez, de Meaño Independente, quen antes apoiou a Giraldez. Deste xeito, os populares faríanse coa maioría absoluta, sumando 14 dos 27 membros do Pleno. O PP xustifica a moción na “inestabilidade” que, din, sufre a Mancomunidade dende o pasado mes de maio.

Se todo vai segundo o previsto, o alcalde de Ribadumia converterase no novo presidente da Mancomunidade do Salnés. O PP presenta unha moción de censura que apartaría do cargo á socialista Marta Giráldez. Os populares xustifícana na “inestabilidade” que, din, sufre o organismo comarcal por culpa do PSOE e BNG.

A moción sairía adiante sumando 14 dos 27 membros do Pleno comarcal, é dicir, o PP contaría con maioría absoluta. Nesa ecuación Meaño é a clave, contando co apoio do alcalde deste municipio, pero tamén co de José Manuel Aspérez, de Meaño Independente, que xa fora clave para a investidura como presidenta da alcaldesa de Meis.

A vicepresidencia non iría para Aspérez, como se intentou na investidura de Giráldez, senón que quedaría tamén en mans do PP. David Castro apunta que a nova etapa que se abre agora na Mancomunidade suporá un impulso aos investimentos que precisa a comarca.

E a diferencia do que di o PSOE, os populares defenden que esta moción si ten encaixe legal, logo da modificación dos estatutos do Mancomunidade no ano 2015, aínda que sexa unha fórmula que non apareza recollida.

Co rexistro da moción hoxe, ábrese un prazo de dez días para convoca-lo Pleno no que se votará a candidatura de David Castro como novo presidente.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí