RIBADUMIA> O Belén de Francisco Martínez, veciño de Ribadumia, celebra a súa maioría de idade. Hai agora 18 anos que este home comezou a darlle forma a este nacemento que non deixa de medrar. Coa última ampliación, rolda xa os 40 metros cadrados, con diferentes escenas e representacións, todas elas con figuras en movemento. Para conseguilo, Francisco leva todo o ano traballando. Xa ten en mente novas melloras de cara ao ano que vén.
Hai agora 18 anos que Francisco poñía as primeiras figuras no seu Belén, na súa casa en Ribadumia. O seu nacemento faise maior de idade neste Nadal cunha nova ampliación.
Case 40 metros cadrados, o seu Belen non deixa de experimentar cambios. Este ano, aproveitando esa última ampliación, Francisco incorporoulle varias novidades. Entre elas, a instalación de lámpadas repartidas por todo o conxunto.
Tamén transformou os distintos muros, agora cubertos de pedra; cambiou tellados nas casas ou deulle unha volta ao tapiz, agora de herba.
Uns traballos que arrancaron nada máis rematar o pasado Nadal e nos que estivo ocupado todo o ano.
Con todo, recoñece que ten aínda moito traballo pendente, porque unha intervención médica impediulle facer todo o que tiña previsto na zona da última ampliación.
Xa coa vista posta no ano que vén, a súa idea é incorporar máis figuras en movemento e tamén novas construcións.
E como manda a tradición, por aquí xa pasou moita xente. Moitos veciños de Ribadumia e tamén doutros puntos da zona, que non queren perder as novidades que ano a ano lles ofrece o Belén de Francisco. As portas da súa casa, di, sempre están abertas.
Así que xa saben, se pasan por Ribadumia, Francisco e a súa familia agardan por vostedes na Gándara co seu Belén.











