NOIA> A primeiras horas desta mañá representantes de Ecoloxistas en Acción presentaban nos xulgados de Noia unha querela contra a navieira Bedeko Europe propietaria do mercante ‘Toconao’, de bandeira de conveniencia, causante do vertido dos pellets que está a chegar ás nosas costas.
Dende a entidade ecoloxistas consideran que a empresa armadora de nacionalidade holandesa podería ser responsable dun delito contra o medio ambiente e os recursos naturais, asegurando así que se cumpre a máxima de quen contamina paga
A organización ecoloxista pide tamén a imposición dunha caución á empresa demandada de non menos de 10 millóns de euros que permita acometer os custes derivados dos labores de limpeza e restauración do medio.
Dende o colectivo lamentan tamén a inacción das Administracións con competencias neste asunto á hora de adoptar medidas, ás que lle piden que se sumen tamén como acusación a causa aberta xa nos xulgados de Noia.
Dende o sector ven con preocupación toda esta catástrofe, pois entenden os danos que estes microplásticos poden producir no medio .
Ecoloxistas en Acción enxalzou tamén á sociedade civil que de xeito voluntario está a participar nas numerosas accións de limpeza que se veñen realizando nas últimas semanas por todo o litoral, evitando coa súa acción que a desfeita vaia a máis.











