PONTEVEDRA> Unha tri empanada para conmemorar a Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon que Pontevedra acollerá este ano. É o produto no que está a traballar unha das empresas colaboradoras na organización da cita, Panaderías Acuña. Será unha edición limitada, que só estará dispoñible durante a semana de probas deportivas. Hoxe o alcalde pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou o obradoiro da panadería no polígono de Barro.
A Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon que Pontevedra acollerá este mes de setembro contará coa súa propia empanada. É a iniciativa na que traballa a Panadería Acuña, unha das empresas que colaboran na organización do evento.
A receita é secreta pero si sabemos que será unha edición limitada e especial, que só se poderá probar durante a semana na que se celebre o tríatlon. Unha iniciativa coa que a empresa quere manifestar o seu apoio para que Pontevedra siga acollendo estes eventos.
Hoxe o alcalde pontevedrés quixo agradecer este apoio. Dende o obradoiro que a empresa ten no polígono de Barro, destacou a importancia do respaldo do tecido empresarial local ao deporte.
Esta Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon desenvolverase en Pontevedra entre os días 23 e 27 de setembro. Está previsto que cheguen á cidade ao redor de 20.000 persoas entre deportistas e acompañantes.











