Porto do Son avanza cara o saneamento integral coa instalación de fosas sépticas nos núcleos máis dispersos

PORTO DO SON> O concello de Porto do Son avanza para conseguir o saneamento integral do municipio. Nos próximos días vai licitar a instalación de 3 fosas sépticas na parroquia de San Pedro de Muro, unha solución máis económica para dotar de servizo ós núcleos de poboación máis dispersos.

O saneamento integral é un dos obxectivos prioritarios do goberno de Porto do Son que nesta lexislatura aspira a acadar practicamente o cen por cento.

Ós traballos para a construción da depuradora de Queiruga súmase agora a instalación de 3 fosas sépticas en San Pedro de Muro. Esta solución, permitirá dotar do servizo a 3 núcleos de poboación moi dispersos, reducindo considerablemente os custos que implicaría a ampliación da rede de colectores.

Ademais de optar por estas solucións máis económicas para non ter que repercutir os gastos das instalacións nos veciños, o concello asumirá a xestión da depuradora do Loreto, actualmente dependente da Xunta, para abaratar o canon e equiparar as taxas de depuración para tódolos veciños, independentemente de onde residan.

O concello seguirá a traballar na conexión das aldas para, unha vez acometida, proceder á humanización de núcleos tradicionais como A Silva ou Basoñas a través da liña de crédito do Instituto Galego de Vivenda e Solo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí