O alcalde de Meaño volve ao PP e integra ao seu partido independente Veciños de Meaño

MEAÑO> O alcalde de Meaño volve ás filas do Partido Popular. Esta tarde, o presidente provincial Luis López anunciou a integración de Carlos Viéitez e de todo o seu grupo de independentes de Veciños de Meaño no PP. Deste xeito, a formación pasará a contar na práctica con 9 dos 13 concelleiros que forman a corporación municipal. O Partido Popular pecha así a crise aberta no 2019, cando Viéitez fora expulsado das filas do partido.

O alcalde de Meaño volve ás siglas do Partido Popular. Case dous anos e medio despois do seu nacemento, o grupo independente de Veciños de Meaño integrarase nos vindeiros días no PP. Deste xeito, a formación popular contará na práctica con 9 dos 13 concelleiros que forman a corporación municipal, ao sumar ao seu único edil, Suso Sueiro, os oito que lle deran a maioría absoluta a Viéitez nas eleccións do pasado mes de maio de 2023. Polo tanto, recuperan tamén a alcaldía meañesa.

O anuncio foi feito esta tarde polo presidente provincial do PP. En nota de prensa, Luis López amosou a súa satisfacción pola suma de esforzos e de persoas na formación que cualificou como a gran casa común do centro dereita.

Deste xeito, os populares apuntan que nos vindeiros días activaranse os procedementos para confirmar este regreso. López louvou o traballo de Suso Sueiro e tamén de Carlos Viéitez, destacando o seu labor como alcalde e o apoio que conseguiu na última cita electoral.

O rexedor meañés fora expulsado do Partido Popular no ano 2019, despois de facilitarlle ao Partido Socialista un representante na Mancomunidade do Salnés que levou ao PP a perder a súa presidencia. No 2020, a formación confirmou a súa decisión e todos os concelleiros do grupo decidiron abandonar as filas populares. Froito desta escisión, en setembro de 2021 Viéitez fundou o partido Veciños de Meaño co que conseguiu a maioría absoluta nos pasados comicios.

Esta integración prodúcese dúas semanas despois da moción de censura ao Partido Socialista que devolveu a presidencia da Mancomunidade do Salnés ao Partido Popular. Unha manobra que saíu adiante grazas ao apoio de José Aspérez, de Meaño Independente , e do propio Viéitez.