BOIRO> O Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, visitou esta mañá o concello de Boiro. Alí tivo ocasión de manter varias xuntanzas profesionais tanto con representantes da patronal conserveira ANFACO-Cecopesca como do sector pesqueiro.
A relevancia da comarca do Barbanza no sector conserveiro fixo que Boiro fose o lugar elixido para a xuntanza entre o Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación con representantes de ANFACO.
Durante a reunión á que asistiron responsables das principais empresas conserveiras do país como Jealsa, abordáronse os principias retos da industria transformadora de produtos pesqueiros, da que destacou o seu esforzo pola internacionalización dos seus produtos. O Ministro informou ademais da inminente convocatoria dunha liña de axudas con fondos europeos para favorecer as accións relativas á economía circular e a dixitalización das empresas do sector.
Tralo encontro con ANFACO o Ministro mantivo tamén unha xuntanza de traballo co sector pesqueiro no centro social de Cabo de Cruz para escoitar de primeira man as inquedanzas dos produtores, dado o gran peso da pesca no sector alimentario español.











