RIBEIRA> A xunta local da Asociación Española contra o Cancro de Ribeira dispón dun centro sociosanitario con servizos gratuítos para pacientes. Ofrece terapia con logopedas, psicólogos e asesoramento estético así como acompañamento e apoio emocional por parte do grupo de voluntariado.
En xuño do pasado ano botaba a andar o Centro Sociosanitario da AECC en Ribeira. Máis aló dun local para a entidade, as instalacións convertéronse nun centro de referencia comarcal para pacientes e familiares que dispoñen de todo tipo de servizos gratuítos. Psicoloxía, logopedia e mesmo un departamento de oncoestética son tan só parte do catálogo que ofrece o centro situado na rúa Estatuto de Ribeira.
Todos estes servizos compleméntanse co labor do grupo de voluntariado que ofrece acompañamento e servizo de transporte ós pacientes que precisen recibir tratamento. Nestes nove meses de funcionamento, a valoración por parte dos usuarios non pode ser máis positiva e tradúcese nunha enorme resposta por parte da sociedade que colabora activamente en tódalas campañas que promove a asociación.
Unha vez conseguido o obxectivo de poñer en marcha este centro, a intención da asociación é seguir a dinamizalo con cursos, charlas e talleres que contribúan, na medida do posible, a mellorar a calidade de vida dos enfermos de cancro e o seu entorno.











