PONTEVEDRA> O concello de Pontevedra e a Dirección Xeral de Costas deciden apostar polo entendemento. Despois de anos de desacordos, da reunión de onte coa Ministra para a Transición Ecolóxica ambas partes saíron decididas a partir de cero para deseñar proxectos viables para a cidade. Non en van, comparten un obxectivo común: a recuperación ambiental do litoral pontevedrés.
A reunión de onte en Madrid entre o concello de Pontevedra e a Ministra para a Transición Ecolóxica serviu para volver tender pontes entre o municipio e a Dirección Xeral de Costas.
O encontro durou case dúas hora pero non se puideron tratar todos os temas. Por iso celebrarase unha nova reunión, xa en Pontevedra para abordar cuestións como a rexeneración da Xunqueira da Gándara e da enseada do Ulló, o paseo a Marín ou a recuperación da xunqueira de Ponte Sampaio.
O que si se abordou foi o proxecto para a construción do novo vial de Mollabao. Costas confirmou que autoriza a intervención.
En canto ao estado da estratexia Pontevedra Flúe deseñada no anterior mandato polo PSOE, Fernández Lores asegurou que o Ministerio non ten nada firme. Tampouco falaron na reunión dos 25 millóns de euros que, segundo os socialistas, estaban reservados para varios destes proxectos.
Na reunión tamén se informou ao alcalde de que xa están desafectados o antigo edificio de maxisterio, o colexio Manuel Vidal Portela e o pavillón universitario. Faltaría coñecer que administración asumirá a súa titularidade. Sobre a gasolineira do Burgo, Costas confirmou a Fernández Lores que dá por rematada a concesión.











