Vilagarcía encarga un anteproxecto para redefinir os usos da casa da cultura de Rey Daviña

VILAGARCIA> O concello de Vilagarcía busca novos usos para o espazo cultural de Rey Daviña, unha vez abra a nova biblioteca no edificio do antigo Liceo Casino. O concello acaba de encargar un anteproxecto para redefinir este espazo, no que se atopa tamén a sala Rivas Briones o Salón García. Entre as prioridades para ese estudo: insonorizar o Salón García, eliminar problemas de accesibilidade e resolve-las humidades.

Cando a nova biblioteca de Vilgarcía abra as súas portas, no espazo que antes ocupaba o Liceo Casino, o espazo cultural da rúa Rey Daviña quedará libre. Co obxectivo de buscar canto antes novos usos para este espazo, o concello acaba de contratar un anteproxecto que redefina o edificio.

O anteproxecto para este espazo, no que tamén se atopa a sala Rivas Briones e o Salón García, deberá contemplar o arranxo de eivas que se veñen arrastrando dende hai tempo. Entre elas, insonorizar o Salón García ou arranxa-los problemas de accesibilidade na Sala Rivas Briones. Ademais, en canto aos usos, o concello estuda deixar neste espazo a zona infantil da biblioteca, para evitar interferencias coas zonas de lectura e estudo da nova biblioteca, onde -así e todo- xa se creou unha zona para a rapazada. Tamén crear unha zona que sirva de punto de encontro para colectivos de todo tipo.

E con este paso, e a redacción dese anteproxecto, o concello estaría preparado para, chegado o momento, tentar acceder a fontes de financiamento para levar adiante esa actuación.

Por certo, en canto ao traslado dos fondos entre a vella e a nova biblioteca será asumido por unha empresa, ante as dificultades do persoal municipal para facerlle fronte.