RIBEIRA> A Asociación de Empresarios de Ribeira volve poñer en marcha a Campaña do Día do Pai. Sortearase, entre tódolos clientes, un premio de mil euros a gastar nun día no comercio e na hostalería do municipio.
Medio cento de establecementos, tanto comercio como hostalería e restauración, participan na Campaña do Día do Pai que promove a Asociación de Empresarios de Ribeira. Entre mañá e o día 19 de marzo, os clientes que realicen compras en calquera destes negocios poden rexistrar o seu ticket a través dun código QR na web da entidade e entrarán no sorteo dun premio de 1000 euros a gastar nun só día.
A Xunta de Galicia e o concello de Ribeira colaboran con esta campaña que busca dinamizar o tecido comercial nunha época que adoita ser de baixo consumo. Con este fin, o concello segue tamén a adoptar melloras para facilitar a afluencia de clientes como a rebaixa de tarifas do parking do Centenario.
Neste sentido, os clientes que participen nesta campaña disporán de media hora de estacionamento gratis con cada compra nos aparcadoiros do Centenario e da Praza de España.











