CAMBADOS> A adega Martín Códax acolleu hoxe unhas xornadas centradas na sostibilidade e innovación no sector vitivinícola. O cambio climático foi un dos factores que cobrou un especial protagonismo nesta cita, na que partipou case un cento de profesionais do mundo do viño. Como anticiparse ás súas consecuencias e como adapta-lo sector á nova realidade, son algúns dos puntos que se trataron neste encontro.
O cambio climático é un desafío global que, loxicamente, ten tamén o seu impacto no noso ámbito máis inmediato. Un dos sectores que verá mudada a súa realidade é o vitivinícola, que se enfronta a cambios que poden determina-la súa viabilidade no futuro. Sobre todo isto falouse na xornada tecnica sobre sostibilidade e innovación vitivinícola que acolleu Martín Códax, organizada pola empresa Anfatec.
Unha pata básica para o sector pasa pola innovación, clave para facerlle fronte á nova realidade derivada do cambio climático.
Os expertos indican que aínda que o cambio climático estea a ter menos impacto en Galicia que noutras zonas, é preciso tomar medidas xa, para evitar que as súas consecuencias xeren tamén un impacto na relevancia económica que ten o sector vitivinícola en comarcas como O Salnés.
Nestas xornadas participou preto de 90 profesionais do sector, dos que o 70% pertencen a adegas ou empresas vinculadas ao viño.











