A historia de Susi Maquieira, a cuntiense de 110 centímetros que superou todos os seus desafíos

VILAGARCÍA> ‘Que miras?’ é o título do último traballo do xornalista Fernando Salgado. Recolle a historia de vida de Susi Maquieira, unha cuntiense que sofre acondroplasia. Mide 110 centímetros pero iso para ela nunca foi un obstáculo. Agora, este libro recolle a súa historia. Este venres a súa protagonista e o seu autor estarán presentándoo en Vilagarcía.

Hai cousa de 10 anos Susi cruzouse na vida de Fernando Salgado. Daquela el aínda traballaba no Diario de Pontevedra. Ela contactou con el porque quería denunciar un episodio de discriminación que vivira nun supermercado. Unha década despois, Fernando volveu contactar con ela porque sabía que detrás daquel episodio había moito máis por escribir. Deses malos momentos como o do supermercado, pero tamén dos bos, dos que demostran que unha vida pode ser plena, veña como veña.

‘Que miras?’ é o título deste traballo. Tamén é o berro de guerra da súa protagonista, quen con esa frase é capaz de cala-las miradas burlescas dunha sociedade á que lle segue prestando rirse dos diferentes.

Susi Maquiera, que ten unha irmá que tamén ten acondroplasia, tivo a sorte de nacer nunha familia que sempre a apoiou.

E xa de maior, unha vida máis que plena. A súa paixón é a moda, a que lle dedicou traballo e tamén moita creatividade, como se plasma nestes patróns seus que tamén se recollen no libro. Pero non hai obstáculo nin proba que Susi non conseguise superar. Estudou en Roma, deslizouse pola neve no Canadá ou sacou o título de patroa de embarcación naútica. Tamén  se lanzou na que é considerada a tirolesa máis alta do mundo que está no Brasil. 

O libro está tendo unha moi boa acollida. Leva xa tres presentacións, cun cheo absoluto na súa posta de longo en Cuntis. Este vernes, Susi e Fernando estarán ás 8 do serán no Salón García de Vilagarcía presentando ‘Que miras?’.  Hoxe nós quedamos con el no café La Marina desta mesma cidade para falar deste libro. Tamén do seu próximo proxecto.

Fernando Salgado tamén escribiu xunto a Juan Otero, Papel de estraza, publicación que recolle a historia do goberno independente da Illa de Arousa do ano 34.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí