Amencer conmemora o Día Mundial da Parálise Cerebral reclamando máis recursos para atender o envellecemento

PONTEVEDRA> O vindeiro 6 de outubro conmemórase o Día Mundial da Parálise Cerebral. Pero en Amencer-ASPACE adiantaron a hoxe a celebración. Escolleron un dos espazos comúns da súa nova residencia no Centro Sur como escenario do acto conmemorativo. Unha cita que aproveitaron para reclamar máis recursos especializados para atender o envellecemento das persoas con parálise cerebral. O lema: ‘Envellecer. Decidir.Vivir”.

Baixo o lema ‘Envellecer. Decidir. Vivir’, a asociación Amencer-ASPACE conmemora este ano o Día Mundial da Parálise Cerebral.

Hoxe fixérono dende a súa nova vivenda residencial. O equipamento sitúase no Centro Sur da cidade de Pontevedra, dando resposta a unha das demandas históricas do colectivo: ofrecer atención aos usuarios na totalidade do seu ciclo vital.

Este equipamento supón un respiro para as familias, que centran a preocupación no relevo dos coidados. Para moitos usuarios, supón unha ferramenta imprescindible para desenvolverse con independencia, garantíndolles ao tempo a atención que precisan.

Dende setembro acolle a 11 persoas usuarias. Inicialmente, o centro conta con 32 prazas, aínda que a intención do colectivo é valorar se o espazo é suficiente. De aquí a finais de ano, iranse incorporando novos habitantes a esta residencia, no marco dun concerto coa Xunta.

O acto desta mañá completouse cunha visita á residencia. O concello de Pontevedra investiu 1,5 millóns de euros para adaptar dúas plantas do Centro Sur para acoller estas instalacións, que agora xestiona Amencer-ASPACE.