VALGA> Carpetazo definitivo ao caso dos supostos cobros irregulares de dietas do secretario e interventor do concello de Valga. A Audiencia Provincial de Pontevedra desestima a denuncia de Valga Viva, a última que quedaba pendente. O tribunal ordena o arquivo das actuacións e non observa, di o alcalde, ningún indicio de ilegalidade. Bello Maneiro esixe a Manuel Castiñeiras, exconcelleiro da formación que presentou a denuncia, que pida perdón. O popular agarda tamén que o Consello de Contas de Galicia rectifique, logo de que publicase un informe advertindo de supostas irregularidades.
A Audiencia Provincial de Pontevedra desestima a denuncia por suposta prevaricación na contratación e pago de dientas ao secretario e interventor do concello de Valga. A demanda fora presentada por Manuel Castiñeiras, líder de Valga Viva, formación que quedou sen representación no pleno nas pasadas eleccións municipais.
O alcalde celebra a sentenza e di que as mentiras sobre este caso acabaron caendo polo seu propio peso. Asegura que ninguén no municipio creu as denuncias de Valga Viva e que por iso acabaron fóra da corporación. Ao exconcelleiro deste grupo, así como ao líder da desaparecida En Marea, Luis Villares; pídelles que se disculpen.
Maneiro agarda tamén desculpas do PSOE que foi, dixo, o que empezou todo, e ata do BNG, que levou este tema ao Parlamento. O popular agarda tamén unha rectificación do Consello de Contas de Galicia, pois a sentenza bota por terra -explica- o informe no que se advertía desas supostas irregularidades.
O rexedor pregúntase onde estivo o Colexio de Secretarios e Interventores, Cosital, durante os case seis anos que estes dous profesionais, dixo, sufriron esta campaña “de acoso e derribo”. Tamén botou en falta neste tempo o apoio da FEGAMP e a FEMP cando o concello de Valga, concluíu “estaba a ser atacado sen ningunha base” como agora “queda demostrado nas reiteradas resolucións xudiciais”.