Ribeira destina preto de 300.000 euros á dotación de servizos básicos no rural

RIBEIRA> O concello de Ribeira está a executar varias obras para a dotación de servizos básicos nas parroquias. As actuacións, centradas principalmente en pavimentación, saneamento e recollida de pluviais, ascenden a preto de 300 mil euros de investimento.

Na actualidade, están en marcha un total de cinco obras para a dotación de servizos básicos nas parroquias de Palmeira, Corrubedo, Artes, Aguiño e Olveira. Ascenden a preto de 300 mil euros.

Unha das actuacións principais, que o alcalde e o concelleiro de obras visitaban esta mañá,  é a pavimentación e saneamento da rúa da Cambra, en Palmeira. A actuación, orzamentada en máis de 65 mil euros, consiste na renovación das redes de saneamento, pluviais e abastecemento así como a substitución do firme por un novo pavimento de formigón para garantir as condicións de accesibilidade da rúa.

A actuación, que rematará a finais de maio, virá satisfacer as demandas dos veciños desta zona que levaban tempo rexistrando problemas coa presión da auga.