Rianxo avanza na dotación de servizos básicos coa licitación do abastecemento na Casilla

RIANXO> O concello de Rianxo vén de sacar a licitación o proxecto de instalación de rede de abastecemento de auga no lugar da Casilla, no Araño. A actuación, cun orzamento superior ós cen mil euros, permitirá dotar deste servizo a unha vintena de vivendas.

Ademais de seguir avanzando na dotación de servizos básicos, as obras para instalar a rede de abastecemento na Casilla permitirán a renovación do firme dos viais neste núcleo da parroquia do Araño.

As obras suporán un investimento de algo máis de cen mil euros cofinanciados pola Deputación da Coruña no marco do Plan de Obras e Servizos.

En paralelo a este proceso de licitación, o concello de Rianxo tamén ten outros proxectos en fase de adxudicación para dotar de abastecemento varios núcleos da parroquia de Taragoña e saneamento no lugar de Vilas.