PONTEVEDRA> Pontevedra acollerá os Premios Feroz no 2025 e no 2026. Máis dun milleiro de persoas acudirán a esta importante cita para o audiovisual español, atraendo á cidade as facianas máis relevantes do panorama televisivo e cinematográfico. Xa hai data para a gala do 2025. A alfombra vermella despregarase no Recinto Feiral o 25 de xaneiro.
Como do argumento dunha película romántica se tratara, comezou o idilio entre os Premios Feroz e a cidade de Pontevedra.
A primeira data que xa está marcada no calendario é o 25 de xaneiro de 2025. Celebrarase a gala no Recinto Feiral da cidade, contando cun milleiro de convidados.
Pero este romance non se limitará ás xornadas das galas e ás alfombras vermellas. A organización promete programación na cidade que se prolongará durante varios meses.
Os Feroz descríbense como uns premios irreverentes e rompedores. Entregaranse 21 galardóns nunha gala formato cea na que os convidados exercerán ás veces de público.