SANXENXO> A praia de Silgar acolleu un simulacro dun rescate cun dron dunha persoa que estaba afogando. Trátase dunha ferramenta que serviría para complementar o traballo dos socorristas. O dron achégase ata a persoa en apuros, lánzalle un chaleco salvavidas e comunícase con ela a través de voz. Un servizo que xa se usa en praias da Comunicade Valenciana e que agora tamén Sanxenxo estuda implementar.
Así se ve dende o propio dron o rescate dunha persoa en apuros no mar. E así se ve dende terra. O areal de Silgar, en Sanxenxo, foi o escenario escollido para este simulacro no que as novas tecnoloxías serven de apio ao traballo dos socorristas.
Carlos foi o voluntario que quixo formar parte desta demostración. Bordou o papel de persoa que estaba afogando. Á súa chamada de auxilio, o dron conseguiu asistilo en tan só 10 segundos.
O dro, que tamén se pode empregar como ferramenta preventiva, conta ademais con cámara e un altavoz a través do que o piloto e os socorristas se poden comunicar coa vítima.
Este exercicio práctico está promovido dende o programa Bandeira Azul.
Os primeiros drons de rescate en praias comezaron a empregarse no 2017 na Comunidade Valenciana. Agora Sanxenxo estuda o xeito de poder implementar este servizo tamén aquí.
Tanto os responsables do proxecto como o propio alcalde subliñan que esta ferramenta en ningún dos casos serve para substituír os socorristas, pero si para facer máis efectivo o seu traballo. Neste sentido, Telmo Martín avanzou que os socorristas comezarán a vixiar esta fin de semana as catro primeiras praias das 17 que contarán con este servizo. Este verán haberá máis de 80 efectivos neste municipio.